22.8.12

CAMPAÑA CARLOS DÍEZ A/W 2012

Ben sei que levo MOITO tempo fora deste caderno. 

Múltiples cousas aconteceron para que me tivera que alonxar de escribir unha nova páxina pero, de novo, volto e desta vez para mostrarvos a nova campaña de "Carlos Díez Outono/Inverno 2012" que fixemos da man de Jordi Chicletol e Lucas Loren como creadores do vídeo.


Xa había gañas de velo resultado despois de meses de expectación: risas constantes durante horas que remataron cunha inxesta de calorías no McDonald's da praza dos cubos, traballo duro e o máis importante: brindarme a oportunidade para coñecer xente que afortunadamente se converteron en bos amigos.

Sen máis, agardo que estedes a pasar un bo verán e como non: agardo que vos guste. 



24.6.12

Gabriel e Maraca

Necesidade de darlle prioridade ás obligacións.

Levo tempo fora, ben sei, pero xa neste día, 24 de Xullo, retomo o caderno para, nesta ocasión, falar de dúas persoas canto menos especiais: Gabriel e Maraca.

Todo foi moi de súpeto, chamada de Borja, un amigo, querer facer unhas fotos, axudar e decir: sí. 

E o resultado, ademáis da tranquilidade de poder facer fotos con xente coma eles, cunha boa enerxía, música, risas, cocacolas e tabaco entre foto e foto ... fixo que todo fora bonito.

Cando fas proxectos con xente que non coñeces, o bó disto e que se che presentan traballos con persoas que ademáis da súa boa disposición e profesionalidade, fan que te sintas ben ó ver a súa reacción e iso é o importante: que eles estén contentos cos seus traballos e que conten contigo aínda fai que as forzas sexan maiores.

O martes tiro camiño a Francia, novo proxecto cheo de ilusión e de gañas de que se converta no meu futuro traballo.

Aquí vos deixo algunhas das fotos que fixen con estes dous mozos, ben simpáticos e boa xente.

Un bico a todos.


Soa The Lovin' Spoonful - Summer in the city porque a calor en Madrid mata, pero peores cousas pasan como para queixarnos do tempo.

:)



29.5.12

DE CELEBRACIÓN CON MÚSICA SOUL

¡¡ E estamos de celebración !!


Este pasado sábado 26, ás 4 da tarde, quedei con Estefanía, da que vos falei no primeiro post, para darlle unha sorpresa polo seu cumpreanos. 

Fumos ó Café Manuela,(Rúa Vicente Ferrer,29) sitio moi emblemático de Madrid situado no barrio de Malasaña, onde cada unha de nós tomamos un té xeado (que con este tempo ben presta) e un sandwich de salmón desos que enchen ben a barriga. Dá gusto ver as súas cartas, cuns batidos naturais riquísimos (recomendo o de vainilla), tapas e como non, sempre coidando ata o último detalle. 


O bó deste sitio e que conta con miles de xogos de mesa para amenizar a tarde,(nós escollimos o "4 en liña"), exposicións de cadros de artistas que van cambiando cada certas semanas e o sitio en sí e un lugar perfecto para perderte durante unhas horas(ademáis teñen uns surtidos de froitos secos con chocolate que fan que morras do ricos que están!).

Pois ben, Estefanía non sabía cal iba a ser a súa sorpresa e tivemos que esperar ata as 6 para desvelalo segredo. Ela estaba nerviosa, eu máis, sen parar de pensar se lle gustaría ou non e así entre ¿que é?, ¿vasmo dicir?, pasaron os minutos e por fin collimos o metro líña 3 dirección Legazpi para que puidera ver cal era o seu agasallo:


Unha das características que definen Madrid é que outra cousa non, pero promocionar eventos a través de carteis é o que a caracteriza e nesta ocasión así foi: andando por Praza España de camiño a casa, fará xa unhas tres semanas, de súpeto atopeime de frente co cartel deste festival e ó ver THE IMPRESSIONS, THE PEPPER POTS e ELI "PAPERBOY" REED, comecei a sentir un nerviosismo bastante importante. 


Fará xa un ano que coñecín ca miña irmá e unha amiga a tres dos integrantes do grupo The Pepper Pots en Santiago nun concerto que deron na Capitol, sendo unha das noites máis bonitas que recordo, e por circunstancias da vida, un ano máis tarde, voltei a velos, pero iso xa queda para unha que escribe así que sigo co tema.

Cando ibamos andando de camiño ó Matadero, Estefanía non se enteraba de nada e eu non paraba de rir ata que entramos na NAVE 16 e descubriu todo o pastel e menos mal que comezou a sorrir porque eu estaba morta de medo por se de súpeto non lle apetecía. 


Alí, nada máis entrar, vimos unha exposición de distintos artistas que recomendaban percorrer en bicicleta con motivo do "Festibal B de Bici" iniciativa impulsada polo colectivo "BIERNES" pero que non impedía vela andando e no centro da mesma  vin un debuxo de Ricardo Cavolo(podedes ollala máis abaixo), un ilustrador que, persoalmente, TENME NAMORADA.

Despois de que Estefanía fixera fotos ca sua preciosa cámara, sentámonos na terraza do bar do Matadero, unha vez pasados os nervios porque non estabamos na lista e non podiamos acceder ó festival, logo todo se amañou, e POR FIN comezamos a disfrutar dos dous días que tiñamos por diante:


Unha vez calmados os nervios, cunha CocaCola e despois de comer unha cantidade considerable de patacas fritas, entramos na nave. A batería dos móviles comezaba a esgotarse pero ben se di que "os concertos hai que vivilos sen nada que che faga perder o tempo" polo que aplicamos o dito e con todas as gañas comezamos a bailar.

Namoradas do DJ que saía a pinchar poñendo auténticos temazos entre grupo e grupo, foron pasando as horas ata que por fin, entorno ás 11.30 da noite, diante nosa tiñamos a THE IMPRESSIONS xunto ca banda de músicos de The Pepper Pots e non paramos de decir "GUAUUUUU" todo o rato a medida que iba soando o repertorio que nos tiñan preparado. 

Mirade este vídeo, foi o final do mellor concerto no que estiven ata o de agora, porque ver a estes tres homes duns 70 anos con esa clase e esas voces, non ten precio ( o vestuario foi espectacular).                                             Remataron ca canción Move on up de Curtis Mayfield !! ♥






Mortas, despois de tanto baile e emocións, aínda sabiamos que nos quedaba un domingo por diante e iso precisaba recuperar forzas. Contenta de ver a Estefanía cantando e bailando, iso foi o mellor do día e por suposto, de pasalo xuntas celebrando o seu cumpreanos.



O domingo 27, voltamos a quedar sobre as 6.30 xa en Legazpi para ver a The Faith Keepers, un grupo de Zaragoza que eu non coñecía e que empecei odiando ó seu cantante pero logo ca súa voz e ca súa chulería estilo Mick Jagger acabou por gustarme.

Despois viu James Hunter, verdadeira lenda do Blues que tamén nos fixo pasar moi bo rato.



Pero... estabamos á espera de The Pepper Pots meets Eli "PaperBoy" Reed e así chegou o momento desexado no que, en segunda fila expectantes para non perder detalle, vimos o gran espectáculo que a banda catalana xunto co coñecido cantante     
(tremenda voz que ten) ofreceron ó público que alí estabamos con The Impressions como espectadores sentados no escenario cas súas respectivas sillas coma reis aplaudindo e sorrindo todo o rato:


               ¡¡MENUDO CONCERTAZO!!



E ó final quedaban xa os últimos momentos nos que voltar a ver a Antoni, darlle a noraboa polos dous concertos do sábado e do domingo e despedirnos do festival foi o máis duro. Uns momentos vividos que non se esquecerán tan fácilmente.


                BLACK WAS BACK !!!! ♥


Aquí vos deixo un vídeo do inicio da actuación que grabei co iPhone (síntoo pola calidade pero son cousas do directo, jejeje) de The Pepper Pots (pinchade no nome!)


¡¡¡ Agardo que vos guste e disfrutedes coma nos o fixemos !!!



25.5.12

Volta á orixe coa curta ÍNSULA.


Voltei á casa para estar uns días cos meus, entre outros motivos porque a miña nai cumpría 58 anos, o meu irmán presentaba a súa curta "ÍNSULA" e os mimos da familia son sempre ben recibidos para encherse unha de enerxía e bo proseguir.

Nesta ocasión non foi menos e durante catro días, miles de sensacións vividas foron as protagonistas das horas.

Comezar polo cumpre de mamá, 58 anos tan tan ben levados que voar de Madrid cara Galiza cunha rosa branca ás 9 da mañá para presentarme diante dela de sorpresa e ver a súa cara, mereceu a pena. Estupefacción e amor, moito moito amor.

Ademáis, ó seguinte día, despois dun amencer cheo de luz, cun bó café e a miña cadela Única ó meu carón, o día presentábase cheo de emocións e nervios:

Viaxamos en barco á Illa de San Simón dende o porto de Cesantes, para ser partícipes da curtametraxe dirixida polo meu irmán, Senén Outeiro, baixo o nome de "Ínsula". Ó mesmo tempo foi un reencontro coa miña irmá Antía, da que xa falei nun dos post anteriores, de amigos, coñecidos e, todos en familia, fumos espectadores da obra tan bonita que Senén e o seu equipo elaboraron nesta paraxe idílica. 




" ÍNSULA" é un xogo entre o real e o imaxinario, (moito non quero dicir porque así iredes a vela) e tende por certo que deixa un moi bo sabor de boca e con gañas de máis ... (¡ata hai un momento no que saltei da silla do susto cunha das esceas!)
A sensación xeral que tivemos foi de abrairnos ó sentila rapidez coa que pasaron os 20 minutos da proxección e sobre todo esas ansias de saber que lle vai pasar ó protagonista cando a curta remata.

Ogallá sexa o inicio dunha longametraxe porque ben o merece.

Dende este pequerrechiño caderno, a miña máis sinceira NORABOA a todos e cada un dos compoñentes que fixeron posible "ÍNSULA" potenciando e reivindicando á súa vez o audivisual 100% en galego.

Dicir que, como non, unha nai é unha nai, e mamá fixo unha tarta riquísima de mazá e cabelo de anxo co nome da curta espolvoreado na mesma. (ÑAM!)



Despois de visionar a curta, estiven a sacar fotos polos arredores, abraiada da luz que esa illa ten, da maxia que desperta e sobre todo, da tranquilidade que dá o respirar aire puro mentras o mar e a vexetación é o único que che rodea: PARAÍSOOOO !



A volta: un viaxe en coche de novo a casa ca túa irmá e miles de cancións soando, cantando a dúo, con esa sensación de que todo e nada cambia, rindo e facendo o parvo, que fai que unha se encha de folgos e enerxía, deixando atrás o arco da avella que ben nos acompañou durante un bo anaco.

Despois dunha noite con amigas, xa ficou o domingo e iso significaba boa comida (Senén preparou un churrasco RIQUÍSIMO), xuntanza ca familia e polo tanto unha cita obrigada á casa da aldea en Terreboredo. Alí, celebramos os bonitos 58 anos de Concha todos xuntos, sendo un rico punto e aparte deste voltar ó lar que sempre gusta.


Voltar a Madrid, coma sempre, foi duro e unha vez máis queda ben patente iso que din de que "coma na casa, en ningún sitio".

Cando un viaxa e está lonxe do seu fogar, dase conta das cousas que realmente se botan en falta, pero cando todo se concentra en catro días, as emocións son tantas que ó final o resultado cobra sentido e fai que un siga o seu camiño aínda lonxe dos seus (mal que lle pese).


Soa Midlake - Roscoe: unha verdadeira gozada que dende aquí recomendo e que, perfectamente, pode ser a BSO que resume todo o vivido esta fin de semana.


                       ♡




13.5.12

I *> BLOCK PARTY I *> MADRID: CONVERSE

O sol está cada vez máis insistente en deixar patente o seu paso pola cidade, nin na sombra se salva un mais, con eventos como estos, todo se atura.

I *> BLOCK PARTY MADRID, plantouse na Praza Luna de Madrid para facernos disfrutar durante horas nun espazo no que o skate, o breakdance, o basket, o graffiti e a música increíble executada por varios djs foron os protagonistas únicos do momento.

Ahí estabamos, ca boca aberta ante tanta boa enerxía, saltando e bailando ca boa música que estaban a pinchar. 

Sen dúbida, un planazo para un sábado que se presentaba caluroso no que as ideas se bloqueaban ante tanto agobio e calor.

Aplaudir dende este espazo a iniciativa tan boa que Converse tivo para crear un evento coma éste, no que incluso os máis pequenos tiveron o seu momento (un enamoramento continuo con eles).



Coma sempre, aquí vos deixo imaxes do mesmo.





E soa Wu-Tang Clan "Gravel Pit" ... polos momentos vividos.








8.5.12

E por fin: Daniel Johnston

Máis vale tarde que nunca.

Levo semanas dicindo: "teño que ir á exposición de Daniel Johnston" ... e por unhas ou por outras nunca chegaba a ir ata que este domingo decidinme a cumprir ese propósito. Despois de andar vagando pola miña casa dun lado a outro, vestínme e sen avisar a ninguén, dirixinme á Casa Encendida un dos mellores espazos ofrecidos na capital, que sen dúbida, debe ser visitado por todos vós se vindes a Madrid.

Daniel Johnston chegou á miña vida da man dun rapaz co que estiven e dende ese momento quedei prendada del. A sensibilidade das súas letras, a capacidade que ten para provocar nun mesmo tantos pensamentos e sentimentos a través das súas ilustracións, das súas cartas e do seu "particular" universo, fixeron que sentira un magnetismo que, a cada segundo que iba coñecendo máis sobre él, iba en aumento.
 
Se vedes o seu documental The Devil and Daniel Johnston poderedes ver o gran universo que este home ten dentro, as incomprensións que para moitos son tildadas de "locuras" e realmente ves como o seu mundo, ese enigmático mundo, ó final é máis lóxico e rico respecto ó que moitos vivimos. Grandes iconos como Matt Groening, Kurt Cobain ou Patti Smith víronse influenciados por Daniel Johnston no seu traballo e a verdade e que non me extraña.

Pois ben.
 
Con certo nerviosismo, entrei na sala A e quedei ca boca aberta: gracias a cesión da súa obra en mans do seu ex-manager Jeff Tatakov, puiden disfrutar da seguinte composición:

nun só espacio as paredes estaban cubertas de múltiples cadros con ilustracións e cartas, xogando con esa ironía que tanto me gusta, nun dos laterais unha gran lona explica o significado que ten para o autor cada debuxo que se repite de maneira sistemática na súa obra (resaltando o seu amor imposible, Laurie Allen), no centro da sala catro dispositivos de audio para escoitar cos seus respectivos cascos as súas cintas grabadas no garaxe da súa casa, unha roda na que se a xiras podes ver ó seu debuxo característico do pantasma Casper moverse a modo dun "flipbook" e ó fondo, tapado cunha cortiniña e cuns oito bancos, un documental sobre a visión que varios ilustradores e persoas de renome do eido da música e do debuxo teñen deste xenio que non deixa indiferente a ninguén.

Cando saes, a sensación que che deixa esta exposición é dunha contraposición de sentimentos e de gañas de máis: moito máis.

Unha lenda viva, con máis de trinta anos de cancións e letras ás súas costas converteuse nunha experiencia persoal moi moi enriquecedora. 

Se andandes por aquí, ata o 20 de Maio podedes acudir de maneira gratuita. Non o deixedes pasar.

Aquí vos deixo algunhas das imaxes que puiden facer esquivando ós seguratas, jejejejeje .... 



Agora soa unha das miñas cancións favoritas del:

LOVE.